Sunday 28 de April de 2024

O pobo de Ordes móstralle o seu respecto ao ‘Soldado Lois’


O cemiterio do Piñeiro acolleu os actos, nos que tiveron un papel relevante os membros do Tercio Norte da Mariña de Ferrol. Por primeira vez o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo realizou a tradicional ofrenda floral

Nesta data tan emotiva e sinalada unha vez máis os veciños e veciñas de Ordes cedéronlle o protagonismo a un dos seus veciños máis ilustres, Manuel Lois García coñecido popularmente como ‘Soldado Lois’. Unha xornada que se leva conmemorando ininterrumpidamente dende o ano 1989.

O punto de encontro para todos e todas foi o cemiterio do Piñeiro, que axudado polas boas condicións meteorolóxicas encheuse de xente que non se quixo perder a posta en escena do Terzo Norte da Mariña do Arsenal de Ferrol, que cada ano acode fielmente a esta cita. Formacións e salvas de honor, himnos interpretados pola banda de música militar e a ofrenda floral foi o máis chamativo do programa. Presidindo o acto estiveron o coronel do citado corpo, Alejandro Ferreira Velón, ademais de José Luis Martínez Sanjurjo. Tratábase da primeira vez que o alcalde de Ordes realizaba a tradicional ofrenda floral ante a tumba-monumento erexida neste camposanto.

Concelleiros, membros da corporación, mandos e dirixentes da Garda Civil e da Policía Local, representantes eclesiásticos, así como de todos os sectores da sociedade ordense, non perderon a ocasión de mostrar o seu máximo respecto e admiración por este veciño, condecorado no seu día coa Cruz Laureada de San Fernando. Recoñecemento outorgado polo herioco acto de neutralizar co seu propio corpo un proxectil, salvándolle así a vida ao resto da tripulación da fragata militar na que prestaba servizo no 1937.